RotondaO Concello de Salvaterra de Miño aprobou no Pleno do pasado 29 xullo a solicitude á Xunta de Galicia das medidas necesarias para mellorar a seguridade na rotonda da PO 403, que por un lado da acceso ao Polígono Industrial Chan da Ponte, con mais de cincocentos empregados e moito tránsito pesado e que se encontra cun difícil e complicado acceso, e por outro lado por esa rotonda teñen que pasar todos os vehículos que entran polo noso pobo a través da Ponte Internacional e os propios veciños e veciñas de Salvaterra que se desprazan ata Ponteareas ou ao enlace da A-52, co conseguinte tránsito de vehículos lixeiros e pesados que iso supón a diario.

Unha rotonda moi pequena pola que pasan a diario centos de vehículos, a maior parte deles sen facer realmente a rotonda, debido as dimensións e situación da mesma, co perigo que iso supón, neste punto xa foron varios os accidentes acontecidos debido a esta situación.

Por este motivo o Equipo de Goberno do Concello de Salvaterra ven de presentar en Pleno, coa aprobación por unanimidade da Corporación, a solicitude á Consellería de Infraestructuras e Mobilidade para que tome as medidas necesarias para mellorar a seguridade na rotonda da PO-403 no PK + 0,870.