PactoClimaA Alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantiveron unha reunión de traballo en Santiago para abordar diferentes temas de gran importancia para o municipio. Por un lado avanzaron na adhesión de Salvaterra de Miño ao “Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía” e marcaron a liña de traballo en materia de medio ambiente para os próximos meses, a través dunha nova campaña de concienciación, despois do gran éxito que tivo a distribución de bolsas de algodón entre os centros educativos do Concello, co fin de concienciar aos mais cativos da gran importancia de reducir o consumo de plástico.

Ademais os técnicos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental orientarán ao persoal municipal na tramitación necesaria para integrarse no “Pacto polo clima”.

A Alcaldesa e a Conselleira coincidiron na importancia dunha boa xestión de residuos urbanos como medida para paliar efectos do cambio climático, e en ese sentido, a Xunta de Galicia incluirá ao Concello de Salvaterra de Miño na programación de actividades e campañas de concienciación e dinamización co obxectivo de acercalas ao conxunto da poboación nun espazo tan emblemático como é o Parque Público A Canuda.

Por último tamén abordaron a mellora de equipamentos públicos coa humanización da nova biblioteca municipal, un dos eixos centrais da programación da Alcaldesa para estes catro anos.