AtencionO Equipo de Goberno do Concello de Salvaterra de Miño ven de reunirse para tratar o delicado tema da apertura do Parque de A Canuda, así como das pistas deportivas.

Como xa é sabido por todos, unha das primeiras medidas adoptadas por este Concello fronte a COVID-19 foi o peche do Parque e as Pistas Deportivas, sendo o Parque especialmente un lugar de atracción turística no que as visitas masivas de persoas supuña un risco de contaxio elevado difícil de xestionar.

Logo de todos estes meses e sendo conscientes do que supón este lugar de ocio e deporte para os nosos veciños e veciñas, se abrirán as portas de ambas zonas, iso sí, cunhas medidas adaptadas a situación actual e que poderán variar en función da evolución da crisis sanitaria.

A principal novidade referida ao Parque, ademais do protocolo habitual da máscara facial e a distancia de seguridade, é que terá un horario de apertura que será de luns a venres de 08:00 -20:00 horas, permanecendo pechado a fin de semana para evitar a chegada masiva de visitantes doutras zonas. Ao mesmo tempo, soamente se abrirá a zona “verde” do Parque, quedando inicialmente a zona de xogos restrinxida; “non é unha situación de normalidade nin o fin do Coronavirus, polo que temos que ser responsables e actuar con rigor para non por en perigo todo o sacrificio que levamos feito conxuntamente a Administración Pública e o Pobo de Salvaterra”, apunta a Alcaldesa Marta Valcárcel.

En canto ás Pistas Deportivas, ademais do uso da máscara facial en todo o recinto, lémbrase que haberá que evitar as situación de contacto na pista polideportiva e manter unha distancia de seguridade no foso de SKATE, polo que se roga responsabilidade aos usuarios.

As canchas de tenis poderán reservarse na nova páxina web de Deportes do Concello, deportes.concellodesalvaterra.com, onde dun xeito doado e guiado cun sistema de horarios e de pago quedará reservada, así como a pista de pádel que estará en funcionamento nos vindeiros días.