ImportanteO CONCELLO DE SALVATERRA DE MIÑO INVESTIRÁ PRETO DE 330.000 EUROS EN SANEAMENTO E ASFALTADOS A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS 2021

O Concello de Salvaterra de Miño ven de informar das inversións que realizará a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, destacando a aposta clara que fai o equipo de goberno por seguir incrementando servizos básicos como son o saneamento e a mellora de viais nas parroquias do municipio, onde se destina a parte máis importante da inversión, con preto de 330.000€. Estas obras son a mellora de asfaltados nas estradas municipais de Lamas (Meder), dúas zonas no Cordeiro (Alxén), a pavimentación nos camiños da Carqueixa (Fiolledo) e Dextros (Salvaterra), a mellora de accesos a Santa Cristina e Cazán (Leirado), pavimentación en Río e Laxe (Cabreira) e Telleira (Oleiros), saneamento en Poza, Arras e Monte da Bouza (Cabreira), ampliación do saneamento en Carrascal (Fornelos) e saneamento no camiño da Manquiña e a Besada  (Alxén).

Outra acción que se enmarca a través deste programa de investimentos é a adquisición de material eléctrico para alumeado público co fin de ir avanzando no cambio a led nas parroquias, substitución de postes de formigón, cableado e diversos elementos de conexión e acometidas que nos permitirán optimizar o servizo de alumeado público municipal.

Ademais a través do Plan Concellos 2021 financiárase tamén a compra do novo camión de basura, co fin de mellorar a eficiencia do servicio de recollida de lixo, a compra dunha caseta para albergar as bicicletas eléctricas que se porán en funcionamento a través da AECT Río Minho, e compraranse novos elementos de skate para incrementar a oferta da zona skatepark das instalacións deportivas da Canuda, compraranse varias parcelas na zona termal de Teans – Oleiros para poder mellorar o entorno do espazo lúdico termal de Teáns, un pequeno resalido na parroquia de Alxén para poder instalar unha marquesina e no espazo recreativo de Corzans co fin de levar a cabo unha ampliación da zona recreativa.

Por último cofinanciarase tamén a través deste plan as obras  de mellora da mobilidade peonil na EP 4006 en Leirado, unha obra que mellorará a seguridade dos nenos e nenas que se desprazan diariamente ao colexio de Leirado, e que nestes momentos está en fase de licitación por un importe de máis de 200.000€ . Obras que consisten na mellora das condicións de seguridade e mobilidade para os peóns e vehículos, conseguida mediante a execución en dominio público dunha senda peonil nun dos seus treitos pola marxe dereita e mediante a redución de velocidade e colocación dun paso de peóns sobreelevado. A maiores, o proxecto contempla a renovación da rede de pluviais e a mellora da capa de rodadura.