Música, cine, actividades deportivas e culturais forman parte da programación. Chega o mes de decembro e o Concello de Salvaterra de Miño presenta a que será a programación de Nadal para os vindeiros días. Dende a Concellería de Cultura que dirixe Lorena Soto elaborouse un programa dirixido a tódalas idades con actividades moi atractivas. Dende o venres 8 de decembro en Salvaterra de Miño haberá concertos de corais, bandas e músicos locais ademais de festivais, obradoiros, cine, música e un mercadillo de Nadal. Precisamente esta última é unha das novidades que, coincidindo coa inauguración da decoración da Praza do Concello na que participan os centros educativos e o módulo de Carpintaría do IES Salvaterra de Miño, terá lugar os días 15 e 16 de decembro. Entre toda a programación destacamos as actuacións de Nadal das asociacións culturais e deportivas do noso municipio ademais da celebración da xa tradicional San Silvestre. Unha carreira solidaria que se celebrará o 23 de decembro na que poderán participar pequenos e maiores aportando un produto non perecedoiro para o Banco de Alimentos. Toda a información da carreira publicarase nos vindeiros días. Por outra banda, a Casa da Cultura de Salvaterra de Miño incluirá actividades para @s máis pequen@s. Coas proxeccións das películas “El Gato con botas, el último deseo” e “Tadeo Jones 3” e a obra de teatro “Un conto de Nadal”. O día 28 de decembro chegará a Salvaterra un espectáculo moi recomendado para toda a familia, “Molto Barroco”, incluido dentro do programa Tornar ás Táboas da Deputación de Pontevedra. A Biblioteca Municipal de Salvaterra será outro punto clave que continúa con actividades para nenas e nenos. Neste caso terá un obradoiro de adornos dirixido a aqueles de entre 3 e 11 anos. Non podemos esquecer datas fundamentais no calendario como son a visita de Papá Noel, o Apalpador ou os Reis Magos que se celebrarán os días 24 e 27 de decembro e o 5 de xaneiro respectivamente.