“AMAR NON É SUFRIR, AMAR É VIVIR”
FOI O LEMA GAÑADOR DO XIII CONCURSO DE SLOGANS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A iniciativa organizada polo Concello de Salvaterra en colaboración co IES Salvaterra de Miño contou coa participación de máis de 110 alumnas e alumnos do centro. Esta mañá tivo lugar no IES Salvaterra de Miño a entrega de premios da XIII edición do Concurso de Slogans contra a violencia de xénero que organiza o Concello de Salvaterra de Miño contando coa colaboración do centro educativo. En total participaron 114 alumnas e alumnos que presentaron o seu slogan a este certame que se presenta cada ano dentro das accións levadas a cabo con motivo da conmemoración do 25 de novembro e contra a violencia de xénero financiadas ó abeiro da subvencion do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. A través do concurso búscase que transmitan unha mensaxe e un posicionamento claro de repulsa contra os malos tratos. Dentro destas iniciativas preténdese asimesmo reunir material para facer unha campaña de difusión e publicidade dalgúns dos recursos que existen para abordar este tema. O concurso consta de catro premios: tres deles valorados en 50 euros trocables por material educativo, informático, deportivo, roupa ou música e un primeiro de 150 euros trocable do mesmo xeito e cuxo lema formará parte da campaña de sensibilización a través duns marcapáxinas e material promocional do vindeiro ano. Nesta edición o lema gañador foi “Amar non é sufrir, amar é vivir” de Antía Pérez de 3º da ESO e os segundos premios foron os slogans “Quérete, valórate” de Denís Cordero de 3º ESO, “Non son a muller da túa vida, son a muller da niña vida” de Lucía Farto de 1º ESO e “Machismo fóra, igualdade dentro” de Ayman Hilali de 3º ESO. O Concello de Salvaterra leva anos traballando cos máis novos na prevención deste tipo de violencia dende idades tempranas para establecer as bases de relacións sans e saudables.