A ASOCIACIÓN QUINTA DO PIÑEIRO PRESENTA O CARTAZ DA  XI EDICIÓN DA FESTA SEMENTEIRA E MÚSICA:
A Asociación Quinta do Piñeiro ven de presentar, coa colaboración do actor Sergio Pazos e  do Concello de Salvaterra de Miño, o cartel da XI edición da súa festa da Sementeira e Música que se celebrará o vindeiro 14 de maio na area recreativa do Muíño de Corzáns, ao carón do Campo de fútbol.
Na presentación que tivo lugar nas Minas de Dona Urraca de Salvaterra, a organización quixo agradecer aos propietarios da Quinta do Piñeiro, lugar onde ata o momento se viña celebrando o evento, pola súa colaboración durante todos estes anos.   A gran afluencia de público durante as últimas edicións e o ofrecemento por parte do concello para o uso das instalacións municipais orixinaron este cambio de ubicación.
Destacan no cartaz deste ano, a participación de artistas tan salientables como Sergio Pazos quen será o encargado de ler o pregón e de grupos de música tradicional tan coñecidos como o quinteto Tanxugueiras, Algarabía, As  Lucernas ou Ronco e Fol. Que amenizarán unha xornada chea de diversión, onde a labrada tradicional con bois ou as olimpíadas agrícolas farán as ledicias de grandes e pequenos. Un xantar campestre composto de carne ao caldeiro, empanada, xamón asado e polbo axudarán aos asistentes a recuperar as forzas. Ademais, o evento que será presentado por X.M Xespi, contará coa II exposición de tractores antigos, un concurso con premios aos mellores vestidos/as de labregos/as  e multitude de postos artesanais.
Por outra banda, a organización  tamén agradece ao Concello de Salvaterra e a Deputación de Pontevedra, aos patrocinadores e ás empresas que nesta edición están a colaborar coa realización da festa. Así como, a todas aquelas persoas que a título persoal cada ano colaboran para  que unha festa como a da Sementeira e Música se estea a converter nunha data clave dentro dos eventos desta índole.

 20A4192  20A4197  20A4199