PavimentoPavillonA Alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, ven de asinar o contrato de subministro e instalación de pavimento deportivo no Pavillón Polideportivo de Leirado coa empresa Mondo Ibérica, por un importe de 61.752,29€, cun prazo de execución de dous meses.

As obras consisten en colocar sobre a soleira existente do Pavillón Polideportivo un pavimento deportivo aeroelástico de tarima de madeira, especialmente apto para a práctica de fútbol sala, baloncesto, balonmán e patinaxe, específico de instalacións deportivas. O pavimento instalado será en madeira, conforme últimas esixencias da certificación UNE 14-904, deportivamente certificado a máximo nivel FIBA con certificados medioambientais, unha superficie equivalente á que se está celebrando os campionatos do mundo sub 21 de balonmán en Vigo e Pontevedra.

Coa instalación deste pavimento búscase a mellora da calidade de xogo e a máxima protección dos rapaces e rapazas que practican deporte a diario nas instalacións municipais. Temos que recordar que son moitos os rapaces e rapazas que utilizan este Pavillón, xa que en horario escolar son máis de 100 nenos os que pasan por el, ademais das asociacións deportivas que practican deporte de maneira asidua, o Concello busca mellorar a calidade pero sobre todo ofrecer aos seus veciños as mellores condicións para practicar deporte.