O traballo de investigación parte da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña que aportaba datos do enterramento de cinco persoas descoñecidas nesta parroquia.
Esta mañá a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e a concelleira de Cultura, Lorena Soto, mantiveron unha reunión co equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela logo da firma do convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade. O equipo multidisciplinar formado polos grupos de investigación HISTAGRA, AEVUM (ambos adscritos ao CISPAC), o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro e o Instituto de Medicina Legal de Galicia, comezarán o próximo 11 de novembro de 2024, os traballos de exhumación previstos na fosa do cemiterio de San Miguel de Cabreira, Salvaterra de Miño. A investigación histórica previa, elaborada dende o grupo HISTAGRA, coa colaboración da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e outros investigadores locais, apunta o enterramento de cinco persoas, nun principio, descoñecidas, na fosa de Cabreira, tras ser paseados o 18 de outubro de 1936. A hipótese de identificación coa que se traballa sinala que alí poden estar enterrados os restos de cinco veciños de Moaña. Actualmente, dúas fillas de avanzada idade demandan a intervención para poder recuperar os restos dos seus pais.