O Concello de Salvaterra de Miño recibiu hoxe a visita do Centro de Información á Muller Móbil (CIM Móbil), un servizo itinerante especializado na atención integral a mulleres vítimas de violencia de xénero e a outros colectivos vulnerables.
Este recurso depende da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, e ten como obxectivo garantir unha atención profesional, próxima e accesible ás mulleres.
A través deste modelo de atención móbil, asegúrase o acceso universal ao servizo, eliminando barreiras xeográficas ou sociais e garantindo a igualdade na atención, independentemente das circunstancias persoais de cada muller. Trátase dun sistema que permite optimizar recursos públicos sen renunciar á calidade nin á especialización da atención prestada.
Desde o Concello de Salvaterra de Miño valórase moi positivamente esta iniciativa, que contribúe a reforzar a rede de apoio ás mulleres e a garantir o exercicio dos seus dereitos en todo o territorio.
O CIM Móbil volverá visitar o municipio nos próximos meses, con novas datas que serán anunciadas proximamente a través das canles oficiais do Concello.


