O Concello de Salvaterra de Miño, en colaboración co sector hostaleiro local, xa o ten todo preparado para a celebración da III Ruta Pinchoterra, que se desenvolverá os xoves e venres entre o 2 de abril e o 1 de maio.
A presentación oficial desta esperada cita gastronómica tivo lugar onte no establecemento gañador da pasada edición, La Ojiva Gastronómica. No encontro, os hostaleiros participantes deron a coñecer e ofreceron unha degustación das súas propostas para esta terceira edición, consolidada xa como un importante reclamo tanto para a veciñanza como para visitantes dos concellos limítrofes.
Nesta ocasión, serán dez días nos que o público poderá percorrer os 24 establecementos participantes e degustar as súas creacións, elaboradas especialmente para o evento. Trátase de pinchos de elaboración coidada, cun prezo único de 3 euros, que se poderán consultar na páxina web oficial da ruta.
A través de pinchoterra.concellodesalvaterra.com, as persoas interesadas poderán acceder a información detallada sobre horarios, localizacións, imaxes dos pinchos e premios.
Como novidade nesta edición, será necesario conseguir catro selos diferentes no pasaporte da ruta, ademais de votar polo pincho favorito e depositar a papeleta nas urnas habilitadas. Deste xeito, poderase participar no sorteo de distintos premios: vales de 200, 100 e 75 euros para consumir nos establecementos adheridos, así como outros 34 premios adicionais.
Unha vez finalizada a ruta, e entre todos os pasaportes completos, darase a coñecer o pincho gañador, que será recompensado cunha noite para dúas persoas con almorzo e acceso a spa.


