O grupo de Goberno do Concello de Salvaterra de Miño ven de levar ao Pleno da Corporación a proposta de Alcaldía para nomear o parque infantil situado ao carón da Casa de Cultura de Salvaterra como “Parque Infantil Juan Luís Villalón Ríos” e así crear un espazo de recordo para unha persoa que deixou unha forte pegada no municipio polo gran traballo que realizaba cos máis cativos.

O 11 de setembro do 2021 falecía aos 66 anos o pediatra Juan Luís Villalón Ríos, un profesional moi querido no noso municipio, onde durante anos e anos atendeu aos nenos e nenas non só de Salvaterra de Miño, senón de toda a comarca, abrindo un consultorio medico a principios do ano 80 que mantivo aberto ata uns meses antes do falecemento. O seu apego ao noso Concello foi tal que durante anos residiu aquí.

Villalón iniciou a súa traxectoria profesional no ano 1979, desempeñou a súa labor como pediatra en varios centros de saúde da Comarca de Vigo, no Hospital Vithas Fátima, no Hospital Xeral e en diferentes consultorios.

Como recoñecemento ao seu traballo e a esa cercanía cos seus pacientes infantís e o cariño que lle transmitía, o Concello de Salvaterra de Miño, tras a renovación integral do Parque Infantil da Casa de Cultura de Salvaterra, propón ao Pleno da Corporación nomear este parque como “Parque Infantil Juan Luís Villalón Ríos”, para que esta figura tan representativa durante tantas xeracións siga viva entre os máis cativos do municipio.

Por todo isto, o Grupo de Goberno levou a pleno o nomeamento como recoñecemento a súa calidade humana, profesionalidade e a paixón coa que realizaba o seu traballo, proposta que foi aprobada por unanimidade dos grupos.

30 03 26 Parque Infantil Ca