O Concello de Salvaterra de Miño informa que xa se iniciaron os traballos de escavación e exhumación no cemiterio municipal de Chan da Ponte, unha intervención que permitirá determinar se neste espazo foron soterradas dúas ou tres persoas vítimas da represión de 1936.
As actuacións, que comezaron o luns 27 de xullo, enmárcanse no compromiso institucional coa recuperación da memoria democrática e co dereito das familias a coñecer o paradoiro dos seus seres queridos. Entre as persoas que poderían atoparse nesta fosa figura Bernardo Bernárdez Martínez, natural de Ponteareas e veciño de Alxén (Salvaterra de Miño), asasinado con tan só 24 anos o 29 de xullo de 1936. Segundo as investigacións realizadas, tamén poderían localizarse os restos de Delfín Rey Sánchez, veciño de As Neves, e dun terceiro varón sen identificar, posiblemente de nacionalidade portuguesa.
Con motivo do inicio da intervención, o Concello de Salvaterra de Miño, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, organizou unha rolda informativa para explicar á cidadanía os obxectivos, os prazos e o desenvolvemento dos traballos.
Durante o encontro, o arqueólogo responsable da escavación, Eduardo Breogán, explicou a complexidade da intervención debido ao estado da zona, que presenta importantes dificultades ao tratarse dun espazo moi degradado e utilizado durante anos como vertedoiro. Pola súa banda, o antropólogo forense Fernando Serrulla destacou a importancia destas actuacións para posibilitar a identificación e entrega dos restos ás familias, subliñando tamén o papel das administracións públicas, e especialmente dos concellos, na procura das persoas desaparecidas durante a represión.
O historiador X. R. Paz Antón expuxo os antecedentes da investigación histórica, baseada na documentación do Rexistro Civil, mentres que o investigador Antón Lorenzo explicou o proceso de localización do posible lugar de soterramento, así como o traballo realizado xunto con Ángel López para localizar ás familias e recoller as mostras de ADN necesarias para unha futura identificación.
A rolda informativa contou tamén coa participación de familiares das vítimas, que compartiron o testemuño das consecuencias humanas e sociais da represión sufrida polas súas familias.
A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, pechou o acto agradecendo a asistencia das persoas presentes, entre elas o alcalde de As Neves, e destacou a importancia da colaboración entre as administracións públicas e as entidades memorialistas para facer posible este tipo de actuacións. Así mesmo, agradeceu o apoio económico da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), cuxa colaboración contribúe ao financiamento desta intervención.
O Concello de Salvaterra de Miño informa ademais de que, mentres duren os traballos, ofrecerase diariamente ás 13:00 horas unha breve explicación sobre a evolución da escavación.




