SALVATERRA DE MIÑO LEVA A CULTURA ÁS PARROQUIAS CUNHA NOVA PROGRAMACIÓN PARA SENSIBILIZAR E PROTEXER A TRAVÉS DAS ARTES ESCÉNICAS
O programa “Sensibilizar para Protexer. A cultura no rural” desenvolverase entre setembro e novembro con espectáculos de circo, contacontos, títeres, narración oral e música en distintos espazos culturais do municipio.
O Concello de Salvaterra de Miño pon en marcha unha nova programación cultural baixo o lema “Sensibilizar para Protexer. A cultura no rural”, unha iniciativa que xurde a través do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia xunto ó Concello de Salceda de Caselas que busca achegar propostas culturais de calidade ás diferentes parroquias do municipio e empregar a cultura e as artes escénicas como ferramentas de sensibilización, participación e convivencia.
Entre os meses de setembro e novembro, a programación ofrecerá dezaseis funcións e actividades culturais repartidas por diferentes núcleos e espazos do concello, facilitando o acceso da veciñanza á cultura sen necesidade de desprazarse fóra do seu contorno habitual.
A programación arrinca o 11 de setembro, ás 20.30 horas, na Praza do Concello, co espectáculo “5.0”, unha proposta de circo aéreo con danza dirixida a todos os públicos.
O programa continuará coa proposta “Elas”, un espectáculo de contacontos para todos os públicos que chegará a diferentes parroquias: o 12 de setembro, ás 21.00 horas, á Casa Cultural de Fiolledo; o 2 de outubro, ao Centro Cultural Xerme de Cabreira; o 17 de outubro, á Casa Cultural de Lira; e o 1 de novembro, á Casa Cultural de Porto.
Tamén terá un papel destacado a proposta “Costureiriña Bonita”, un espectáculo de títeres para público familiar que percorrerá distintos espazos do municipio. As funcións serán o 19 de setembro na Casa Cultural de Meder, o 3 de outubro na Casa Cultural de Alxén, o 10 de outubro na Casa Cultural de Vilacoba e o 25 de outubro no Centro Social de Oleiros, todas ás 21.00 horas.
Como peche da programación, o 14 de novembro, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura de Salvaterra, terá lugar “As mil e unha”, un espectáculo de narración oral e música pensado para o público familiar.
Cultura próxima e accesible
Con esta iniciativa, o Concello de Salvaterra de Miño pretende descentralizar a actividade cultural e reforzar a programación nas parroquias, apostando por levar espectáculos e actividades a espazos culturais próximos á veciñanza.
O programa busca, así mesmo, favorecer a participación de persoas de diferentes idades e converter a cultura nun espazo de encontro, reflexión e convivencia, cunha especial atención ás propostas destinadas ao público infantil e familiar.
“Sensibilizar para Protexer. A cultura no rural” está cofinanciado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade e do Goberno de España, coa colaboración da Xunta de Galicia e Xacobeo 2027.
PROGRAMA
• 11/09 – 20.30 h | Praza do Concello: 5.0 – Circo aéreo con danza para todos os públicos.
• 12/09 – 21.00 h | Casa Cultural de Fiolledo: Elas – Contacontos para todos os públicos.
• 19/09 – 21.00 h | Casa Cultural de Meder: Costureiriña Bonita – Títeres para público familiar.
• 02/10 – 21.00 h | Centro Cultural Xerme de Cabreira: Elas.
• 03/10 – 21.00 h | Casa Cultural de Alxén: Costureiriña Bonita.
• 10/10 – 21.00 h | Casa Cultural de Vilacoba: Costureiriña Bonita.
• 17/10 – 21.00 h | Casa Cultural de Lira: Elas.
• 25/10 – 21.00 h | Centro Social de Oleiros: Costureiriña Bonita.
• 01/11 – 21.00 h | Casa Cultural de Porto: Elas.
• 14/11 – 21.00 h | Casa da Cultura de Salvaterra: As mil e unha – Narración oral e música para público familiar.
O Concello de Salvaterra de Miño anima a toda a veciñanza a participar nesta programación e a gozar da cultura tamén nos espazos máis próximos ás súas casas.


