O Concello de Salvaterra de Miño ven de conseguir unha subvención da Administración Local, destinada á mellora das infraestruturas municipais, que permitirá a instalación dun sistema de climatización na Biblioteca Municipal, cunha achega de 18.720,74 euros.
Na actualidade, a Biblioteca Municipal conta unicamente cun sistema de calefacción. As elevadas temperaturas que se rexistran durante os meses de verán fan necesaria a incorporación dun sistema de climatización que permita mellorar o confort e o benestar das persoas usuarias durante todo o ano.
Esta actuación permitirá optimizar os recursos da instalación e convertela nun espazo máis confortable, accesible e axeitado para a lectura, o estudo e o desenvolvemento das diferentes actividades que se realizan na biblioteca. Trátase, ademais, dun servizo cunha importante demanda por parte da veciñanza, xa que dende o mes de xaneiro co sistema autónomo rexistráronse máis de 5000 entradas nas instalacións.
O proxecto conta cun orzamento superior aos 26.700 euros, dos que 18.720,74 euros serán financiados a través desta subvención da Administración Local.
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na mellora e modernización dos equipamentos municipais, apostando por ofrecer á veciñanza espazos públicos de maior calidade e adaptados ás necesidades actuais.



