O Concello de Salvaterra de Miño ven de contratar, a través da subvención da Xunta de Galicia para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a  dinamización e revitalización das prazas de abastos,  un estudo  de situación e usos do mercado de abastos

A praza de abastos de Salvaterra de Miño debe constituír un importante espazo comercial e social no conxunto do municipio. Non obstante, como acontece en moitas prazas galegas, enfronta retos vinculados ao relevo xeracional, á competencia doutros formatos comerciais e á necesidade de adaptación ás novas demandas da cidadanía.
Neste contexto, a realización dunha diagnose integral da situación e usos da praza constitúe

unha actuación de interese estratéxico para o Concello, xa que permitirá:

  1. Dispoñer dunha radiografía precisa e actualizada do funcionamento da praza e do seu impacto económico, social e territorial.
  1. Identificar carencias, fortalezas, ameazas e oportunidades que contribúan á toma de decisións informadas e realistas para o futuro do espazo.
  1. Impulsar a modernización, diversificación e dinamización da praza, asegurando a súa sustentabilidade e adaptabilidade ás novas tendencias de consumo.
  1. Dar cumprimento aos requisitos previos esixidos pola Xunta de Galicia para a obtención do Selo de Mercado Excelente, unha distinción que pode actuar como elemento tractor de melloras e investimentos.

A actuación enmárcase, por tanto, nun momento oportuno e estratéxico, no que o Concello de Salvaterra de Miño aposta por revitalizar o mercado municipal como motor de comercio de proximidade, dinamización económica e identidade local.

O obxectivo principal desta proposta é levar a cabo unha diagnose integral e participada da situación actual e dos usos da praza de abastos de Salvaterra de Miño, como paso previo á solicitude e obtención do Selo de Mercado Excelente outorgado pola Xunta de Galicia. Esta diagnose permitirá coñecer en profundidade a realidade do mercado, o seu impacto económico e social, e establecerá as bases para definir actuacións de mellora que garantan a súa adaptación aos requisitos de excelencia establecidos na normativa do Selo de Mercado Excelente.

PlazaAbastos