O CONCELLO DE SALVATERRA DE MIÑO INVESTE PRETO DE 19.000 EUROS NA ADQUISICIÓN DE MAQUINARIA PARA REFORZAR A PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS
• O Goberno municipal abre a licitación para a compra dun tractor rozadoira 4x4 compacto e dúas rozadoiras eléctricas co obxectivo de limpar as franxas de seguridade e os núcleos de poboación.
• O proxecto está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027 e as empresas teñen ata o 19 de outubro para presentar ofertas.
O Concello de Salvaterra de Miño continúa dando pasos firmes na protección do seu territorio e na seguridade dos seus veciños coa posta en marcha dun novo proceso de licitación.
Trátase da adquisición dun vehículo, as súas adaptacións e maquinaria específica vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, por un importe total de 18.755 euros.
As empresas interesadas nesta subministración teñen de prazo ata o vindeiro 19 de outubro para presentar as súas ofertas a través do Perfil de Contratación do Estado. Esta contratación realízase ao abeiro da orde de subvencións da Xunta de Galicia destinadas ás administracións locais para dotar os concellos dun parque de maquinaria suficiente e adecuado para a realización de actividades de limpeza e roza.
O proxecto está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486F), unha liña de axudas orientada de xeito directo á mitigación de riscos e á protección das persoas e dos espazos naturais.
O obxectivo principal do Concello con esta adquisición é reforzar as tarefas de eliminación de biomasa e control da vexetación inflamable en espazos públicos, zonas verdes, bordos de estradas e, de xeito moi especial, nos contornos dos núcleos de poboación e sendas municipais que, pola súa localización estratéxica, actúan como verdadeiros "cortafogos".
Para logralo, o prego técnico inclúe a compra dun pequeno tractor desbrozadora 4x4 para labores de corta e trituración de matogueira. Debido ao seu tamaño compacto e ao seu fácil manexo, este vehículo pode acceder a zonas de difícil paso onde un tractor convencional non pode entrar, resultando moito máis rápido, seguro e eficiente que o traballo manual. Con este equipamento, un único operario poderá realizar labores de prevención cun ancho de corte de 1 metro e unha altura de corte regulable de entre 0,50 e 1,20 metros.
Ademais, grazas ás súas dimensións, o tractor poderá ser desprazado facilmente nun remolque ata os distintos puntos de traballo. De xeito complementario, o contrato tamén inclúe a adquisición de dúas rozadoiras eléctricas de última xeración, destinadas a repasar e eliminar a vexetación de xeito sostible naquelas zonas que requiran unha intervención máis precisa.
Con esta nova dotación, o Concello de Salvaterra de Miño mellora a súa solvencia e capacidade de resposta operativa para acometer de forma continua as tarefas de mantemento e prevención ao longo de todo o ano, garantindo unha contorna máis limpa e protexida fronte ao risco de lumes.


