Achégase o Nadal e o Concello de Salvaterra de Miño comeza a dar a coñecer as iniciativas que poñerá en marcha con motivo destas datas tan especiais, nas que as rúas, os establecementos e os espazos públicos se enchen de ambiente festivo e se converten nun punto de encontro para veciños, veciñas e visitantes.

Baixo o lema «O lazo que une Salvaterra de Miño», o Concello pon en marcha unha campaña especial de Nadal que ten como principal obxectivo unir, visibilizar e promocionar o tecido comercial e hostaleiro do municipio, fomentando o consumo de proximidade e poñendo en valor a importancia dos negocios locais na vida económica e social da vila.

A iniciativa busca crear unha imaxe común e recoñecible do Nadal en Salvaterra, implicando directamente aos establecementos comerciais e hostaleiros e facendo que formen parte activa da decoración e da dinamización do municipio durante estas datas.

Para iso, desde o Concello repartirase aos establecementos que se adhiran á campaña un lazo vermello, símbolo desta iniciativa e elemento común co que poderán decorar os seus locais, creando así unha imaxe de unidade e colaboración entre os diferentes negocios.

Ademais, cada establecemento participante recibirá 10 entradas para o Espazo Termal de Teáns-Oleiros, que poderá sortear entre os seus clientes e clientas. Deste xeito, premiarase a confianza das persoas que aposten polo comercio e a hostalaría local, ao tempo que se promociona un dos recursos de lecer e benestar do municipio.

O vindeiro luns 16 de novembro, ás 20:30 horas, no Concello de Salvaterra de Miño, terá lugar a convocatoria para todos os establecementos comerciais e hostaleiros interesados en participar, que poderán achegarse para recoller o seu lazo vermello e as correspondentes entradas. Deste xeito, poderán sumarse a esta iniciativa e formar parte dunha campaña colectiva que pretende implicar a todo o tecido económico local.

Con esta proposta, o Concello quere transmitir unha mensaxe clara: o Nadal tamén se constrúe apoiando o que temos preto. Cada compra, cada consumición e cada visita aos negocios locais contribúe a manter viva a actividade económica, a crear comunidade e a facer de Salvaterra de Miño un municipio máis dinámico e atractivo.

Campaña O Lazo que uneimagenlazo