Coa firme idea de que o Nadal tamén se constrúe apoiando o que temos preto, o Concello de Salvaterra de Miño lanzaba esta campaña para os negocios locais que contribúe a manter viva a actividade económica, a crear comunidade e a facer de Salvaterra de Miño un municipio máis dinámico e atractivo. Nesta primeira edición foron máis de 50 os establecementos adheridos á campaña que xa recibiron onte o material nun acto que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello.

«O lazo que une Salvaterra de Miño», é unha campaña especial de Nadal que ten como principal obxectivo unir, visibilizar e promocionar o tecido comercial e hostaleiro do municipio, fomentando o consumo de proximidade e poñendo en valor a importancia dos negocios locais na vida económica e social da vila.

A iniciativa busca crear unha imaxe común e recoñecible do Nadal en Salvaterra, implicando directamente aos establecementos comerciais e hostaleiros e facendo que formen parte activa da decoración e da dinamización do municipio durante estas datas.

Para iso, desde o Concello repartiu aos establecementos un lazo vermello, símbolo desta iniciativa e elemento común co que poderán decorar os seus locais, creando así unha imaxe de unidade e colaboración entre os diferentes negocios.

Ademais, cada establecemento participante leva 10 entradas para o Espazo Termal de Teáns-Oleiros, que sorteará entre os seus clientes e clientas. Deste xeito, premiarase a confianza das persoas que aposten polo comercio e a hostalaría local, ao tempo que se promociona un dos recursos de lecer e benestar do municipio.

lazo1lazo2lazo3

lazo4lazo5lazo6