O Concello de Salvaterra de Miño vén de iniciar os traballos de ampliación da escavación arqueolóxica en área no xacemento dos Castros de Lourido-Soutolobre. Esta nova intervención conta co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e ten como finalidade principal avanzar no coñecemento, conservación e posta en valor deste enclave patrimonial.
O obxectivo central desta campaña céntrase na ampliación da escavación na contorna da cabana castrexa polo seu lado sueste, abarcando unha superficie aproximada de 22 metros cadrados. A través desta intervención, o equipo arqueolóxico busca avaliar a posible existencia de novos ortóstatos decorados que formen parte dun programa iconográfico destinado a magnificar a figura do difunto como fundador da liñaxe. Este conxunto simbólico intégrase na escenografía interior da cabana mediante unha escaleira e a representación de dúas ou tres figuras antropomorfas, unha delas portando un bastón como signo de autoridade.
De xeito paralelo, os traballos permitirán obter unha secuencia estratigráfica precisa na contorna do fito de pedra —unha posible estela antropomorfa ou cipo— para confirmar a súa connotación sacra dentro do asentamento.
Conservación, peche perimetral e análise de mostras
Ademais do avance na escavación, o proxecto contempla unha serie de actuacións complementarias de conservación e estudo científico:
• Consolidación e protección: Revisarase o estado de conservación dos monolitos e dos labores de consolidación executados na cabana durante o ano 2023. Así mesmo, continuarase co peche perimetral da área arqueolóxica mediante un valado de madeira con perfís metálicos (IPN) na liña orientada cara ao camiño pecuario.
• Análises metalúrxicas e de datación: Procederase á selección das mostras máis representativas exhumadas durante a campaña. Prestarase especial atención aos restos de carbonizacións vinculadas a procesos metalúrxicos e aos estratos asociados ao contexto fundacional do poboado, descartando aquelas zonas alteradas polas escavacións ilegais realizadas nos anos sesenta do século pasado.
A intervención segue unha metodoloxía rigorosa, dando continuidade ás bases planimétricas e ao rexistro estratigráfico das campañas anteriores. Deste xeito, búscase integrar todos os achados nun Plan Xeral do asentamento castrexo que facilite a súa futura musealización e visita.
Con esta actuación, o Concello de Salvaterra de Miño reafirma o seu compromiso coa investigación, protección e dinamización dos recursos arqueolóxicos e patrimoniais do municipio.




