IglesiaLimita ao norte e ao oeste co municipio de Ponteareas, ao sur coas parroquias de Lourido e Soutolobre e ao leste co municipio de Ponteareas e cunha pequena franxa territorial pertencente a parroquia de Lira.

Fornelos é unha das parroquias máis chans e habitadas do municipio. O seu territorio está atravesado polo río Tea e case toda a súa xeografía é unha extensa veiga dedicada á agricultura.

A finais do século XII, o monarca Fernando IV de Castela expediu un privilexio en Zamora, no que concedía o señorío desta parroquia a Vasco Ozores, señor de Teáns. Durante unha parte da historia os barrios da parroquia estaban divididos entre varios señores xurisdicionais: O conde de Salvaterra, a Casa de Teáns, etc.

A parroquia de Fornelos está dividida nos seguintes barrios: Abelán, Carrascal, Casco, Cima de vila, Cruz, Enxembre, Fraga, Fraguiñas, Goiende, Martín, Oural, Pedrapiñeira, Rañe, Rebaido, Saa e Xesteira.

O elemento máis significativo do patrimonio arquitectónico de Fornelos é a súa igrexa parroquial de San Xoán.Construída en perpiaño, presenta unha planta en cruz latina e cabeceira rectangular máis estreita e alta. Esta igrexa substitúe o antigo templo, situado ao sur. Foi bendicida o 24 de xuño de 1715.Retablo

Na súa fachada, claramente vertical, destacan varios elementos decorativos tales como o fornelo onde se garda a imaxe do patrón, o campanario e os remates laterais a modo de terreiras cilíndricas.

A cúpula de media laranxa apoiada sobre pechinas levantada no cruceiro, constitúe o elemento arquitectónico principal do interior do templo. En canto a decoración destacan os seus cinco magníficos retablos barrocos, construídos no primeiro cuarto do século XVIII. O mestre autor da obra foi Francisco García, veciño de Fornelos e non sabemos se tamén natural desta parroquia, como consta no contrato do retablo da Virxe do Rosario. O retablo maior está dedicado a San Xoán, os laterais a Santiago e San Miguel e os outros dous, nas capelas, ao Doce Nome de Xesús e a Virxe do Rosario.

Unha capela de reducidas dimensións dedicada a Santa Rosa é outro elemento de arquitectura relixiosa. Antigamente existía no barrio de Saa, unha capela dedicada a Santo Tomás.

 


Como recollemos nos capítulo dedicado a historia contemporánea, durante o trienio liberal proxectouse formar un concello nesta parroquia dentro do partido xudicial de Ponteareas. Nas primeiras décadas do século XX nesta parroquia tivo unha notable forza o movemento agrarista, cunha sociedade de agricultores que contaba dende 1919 coa apoio en Bos Aires de "Hijos de Fornelos e anexos" e co Sindicato Católico Agrario de Fornelos impulsor de diversas actividades de carácter cooperativo.

O Tea atravesa a parroquia de Fornelos, separándoa de Nogueira. A comezos do século XX, estas sociedades auxiliares das dúas parroquias en Bos Aires trataron de construír unha ponte na Ceña (Rañe) co fin de unilas. A obra nunca se finalizou, aínda que ata fai pouco tempo se conservaron os piares.

A Casa da Sociedade agrícola, levantada na década de 1930 foi sufragada polos emigrados. A inauguración, a que asistiron tódalas autoridades, foi gravada en vídeo polo pioneiro José Gil. Durante a Guerra Civil foi destruída por mor dun incendio.Outra gravación de altísimo valor etnográfico foi a realizada por José Gil sobre as tarefas do campo, as romarías e diversas actividades diarias dos veciños de Fornelos e da comarca na década de 1930. Un dos nomes salientables desta parroquia é o "mestre de arquitectura" Domingo Rodríguez de Pazos ou Domingo de Fornelos. É autor de numerosas obras artística na diócese tudense durante o barroco. Merecentes de mención son a Caixonería da Sancristía da Catedral de Tui, os asentos da súa Sala Capitular, o retablo de San Pedro, e sobre todo as magníficas caixas dos órganos da Catedral de Tui.

Rogelio Estevez Cambra (1866-1939) foi un destacado pensador nado en Fornelos e emigrado en Arxentina, colaborou con diferentes publicacións como Vida Gallega de Vigo e outras na Arxentina. Defendía nos seus escritos a necesidade de modernizar Galicia e mellorar a formación das súas xentes.

A pesar de que Fornelos non conta con destacadas residencias pacegas a casa reitoral, con planta rectangular rematada nunha alta torre, é un soberbio exemplo de arquitectura rural pacega.

la flecha azul a la izquierda detras de anteriores icono 5726 32  la flecha azul en la parte frontal derecha icono 9306 32