Pequena parroquia que limita con Fornelos e Soutolobre polo norte, con Pesqueiras polo sur, con Fornelos polo oeste e con Leirado e Corzáns polo leste.
Os seus veciños distribúense nos seguintes barrios: Abelenda, Cantalarrana, Coto Real, Eido Vello, Forneliños e Gurita.
Acháronse restos arqueolóxicos no monte de Os castros, na ladeira coñecida como cerrado de Alonso, onde se atopa diverso material de época castreña e galaico-romana. Na ladeira meridional está localizada unha posible vila romana na que salienta a presenza dun "hipocausto", ou dependencia cun sistema de climatización, que indica a importancia de Lourido durante a idade antiga.
Neste enclave existen varias lendas relacionadas cos mouros e as súas riquezas que están protexidas mediante encantamentos. Así, se conta que unha rapaza chegou ata o tesouro e colleu un colar pero cando ó ía por no pescozo converteuse en cobra.
Un sarcófago medieval foi recuperado en Lourido.
A igrexa de Lourido, consagrada a San Andrés, foi construída no século XVII. Nela consérvase un impoñente retablo barroco da Inmaculada.
Referente ao casal da igrexa, consérvase un foro do 10 de febreiro de 1534, é o documento máis antigo sobre esta parroquia.