García de Lira (fillo de García Bermúdez, froito a súa vez das relacións que o conde Bermudo Pérez de Traba mantivo con Godina del Mato), é o primeiro personaxe do apelido Lira do cal se teñen novas.
Durante xeracións non se apartaría este apelido da importante casa solar de Lira, unha das máis nomeadas e con ramificacións por toda Galicia, e chegando incluso a Chile, onde se instalou unha rama desgaxada do toro principal, probablemente buscando mellor fortuna tralos reveses sufridos pola familia como consecuencia das desavenenzas existentes con Portugal no século XVII.
A historia da casa correu paralela á polémica suscitada a partires dos dous fillos maiores de Diego López de Lira, “el Viejo”, chamados Juan Francisco e Rodrigo Troncoso de Lira, os cales se facían chamar "señores de Lira", como o farían os seus sucesores, o que indica que a titularidade da casa se atopaba dividida en dúas porcións.
Dada a súa antiguedade, o edificio actual é consecuencia das sucesivas transformacións e reformas acometidas en distintas épocas polos seus propietarios con obxecto de ir adaptándoo ás necesidades de cada momento.
O Pazo de Lira presenta planta en "L". Ten unha torre no ángulo, con planta cadrada e cuberta a catro vertentes. Unha edificación anexa, por un lateral, completa o conxunto cun formato en "U". A torre, con gárgolas e rematada con ameas, está brasonada con dous escudos de armas, e debe recoñecerse como a parte máis antiga do pazo a partir da cal naceu a vivenda anexa.
A carón da torre topamos unha capela tamén brasonada cun escudete situado sobre o lintel da porta frontal. Fáltalle a teitume, aínda que as súas paredes, ben labradas, se manteñen firmes. No interior, a ámbolos dous lados do altar, pode lerse unha inscrición gravada na parede, alusiva ós seus fundadores.
As armas dos Troncoso e Soutomayor están representadas na Capela. O modesto portalón da entrada presenta un escudete de pedra, moi erosionado, no que se aprecian os escaques dos Sotomayor. O escudo esquerdo da torre mostra as armas dos Lira, mentras que no da dereita dispóñense as dos Pereira, Troncoso de Lira e Soutomaior, Castro e Correa.


























